lahaine.org
Galiza, Estado español :: 17/06/2009

A folga do Metal paraliza a venda de coches nos concesionarios e continúa cumprindo novos obxectivos

Confederación Intersindical Galega
A Patronal anuncia que non participará da negociación prevista para a tarde na Delegación da Xunta en Vigo

A semana comezaba co anuncio dun cambio na estratexia sindical desta folga co obxectivo de non danar aos traballadores, multiplicar forzas e castigar a aqueles sectores menos solidarios coas mobilizacións e folga pola negociación do convenio provincial do Metal de Pontevedra. Asi, o martes 16 de xuño de 9 a 13 paraban estaleiros e empresas que viñan apoiando estas convocatorias, e nestas catro horas unha maré de folguistas paralizaba a venda de coches nos concesionarios da Avenida de Madrid e o Caramuxo. Logo collerían o relevo o persoal dos concesionarios e talleres nesta acción, que continúa á tarde, nos mesmos sitios. Mentres, a patronal volvia amosar a súa total intransixencia comunicando que non se sentaría a negociar.
16.06.09 Folgametal V

O martes 16 de xuño daba comezo a décima xornada de folga no sector do convenio do Metal da provincia de Pontevedra, mais con variacións, xa que esta folga con carácter indefinido converteuse en parcial para unha boa parte do sector.

Nova organización da folga

A organización da folga nesta semana é unha folga con carácter xeral de 4 , cun horario para todas as quendas de mañá (partidas ou continuadas) desde as 9 até as 13 horas. O horario para as quendas de tarde e noite é a das catro últimas horas da xornada. Para os talleres de reparación e venda de automóbil a folga é de catro horas desde as 12.30 en adiante e resto da xornada. As empresas de calefacción, gas, paneis solares e instaladores eléctricos continúan con folga de toda a xornada, a excepción de empresas que durante os anteriores días de folga participaron nas mobilizacións, para as que o paro será tamén catro horas de 9 a 13.

O obxectivo deste modelo de folga pretende afectar economicamente menos aos traballadores, e transmitir aos empresarios a disposición a resistir a longo prazo. Este paro fai dano na organización do traballo e obriga a que todos os traballadores teñan que acudir á empresa engrosando as mobilizacións.

Do mesmo xeito organizáronse grupos de traballadores para asegurar a información e o seguimento da folga.

Novos obxectivos

O obxectivo central durante este paro é o de impedir a venda de coches novos nos concesionarios, xa que esta parte da patronal está a ser das máis duras na negociación.

De 9 a 13, parón dos concesionarios

Desde as nove da mañá comezaron a organizarse os grupos de traballadores para desprazarse ás distintas zonas de venda de automóbiles. Así, os folguistas de Freire, a zona de Bouzas e o Caramuxo achegáronse até a zona da estrada de Baiona, onde se atoparon coas portas pechadas destes centros de venda do automóbil. Os piquetes de Puxeiros distribuíronse en tres grupos para cubrir os concesionarios de Gavisa-Citroen, Nissan-Rofervigo e Turbotracción. Os traballadores de Barreras e Vulcano encheron os concesionarios da zona da Avenida de Madrid.

No movemento dos distintos grupos produciuse unha pequena carga policial na rotonda de Bouzas mentres se levaba a cabo un corte do tránsito de vehículos cara á Zona franca.

Na xornada da tarde, que se desenvolveu con total tranquilidade, permaneceron pechados todos os concesionarios da Avenida de Madrid e o Camiño do Caramuxo, sen que se rexistrasen incidentes nin destrozos.

Acoso policial

Nestas catro horas foi desmedida a presenza policial e o acoso presente en todo momento, con identificacións, ameazas e collendo as matrículas dos coches dos e das folguistas, e mesmo identificando a fotográfas e cámaras alí presentes. A actitude dos traballadores e traballadoras do Metal foi en todo momento tranquila, entrando nos concesionarios para coñecer prezos e informacións sobre automóbiles, como era o obxectivo desta xornada. Ás 12.30 os traballadores do Naval volvian aos estaleiros e tomaban o relevo os traballadores dos talleres e concesionarios nestas zonas.

As accións programadas polos sindicatos "deron o seu froito", segundo sinalou o secretario nacional da CIG-Metal, Miguel Anxo Malvido, quen resaltou que coa ocupación dos concesionarios "trasladámoslle á cidadanía o que queriamos, e visibilizamos o conflito, de tal xeito que consideramos o obxectivo da xornada conseguido". Os piquetes volven ás portas dos concesionarios cando estes abran, pola tarde.

Ás tres da tarde realizáronse asembleas nos estaleiros para analizar esta xornada, e para que a xente volvera ás cinco da tarde aos concesionarios.

"A folga é legal"

Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG, sinalou na asemblea final da mañá na Avenida de Madrid que "non houbo destrozos de ningún tipo, non se entenden estas numerosísimas identificacións, e nós temos dereito a entrar nos concesionarios, saber os prezos dos coches e todas as preguntas que queiramos como calquera outro cidadán. É un despropósito que queiran sancionar a alguén por estar ás portas dun concesionario ou dentro, pero nesta loucura, na que nos queren derrotar con toda a presión posíbel, estes queren intimidarnos e esgotarnos economicamente e iso non o imos permitir. Se hai sancións, acudide aos sindicatos, porque lle imos dar solucións. A folga é legal e non poden xustificar de ningún xeito peche patronais, asi que se queren facer isto concentrarémonos ás portas deses centros de traballo".

Nova reunión sen acordo

Malia ao anuncio realizado aos medios de comunicación por parte da Patronal de que non participarán da reunión prevista para esta tarde na delegación da Xunta en Vigo, a xuntanza desenvolveuse tal e como estaba previsto, aínda que só acudiu unha parte da patronal. A reunión rematou por volta das 18:30 horas sen que se producisen avances nin se tocase ningún tema en profundidade. Non obstante quedou pendente de concretar unha nova xuntanza.

Imaxes desta xornada

Na sección multimedia da nosa web contades con máis imaxes desta xornada, ou tamén nesta ligazón.

 

Contactar con La Haine

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal