A Europa represiva: a mocidade revolucionaria no punto de mira
A vaga de persecucións, criminalizacións e ilegalizacións contra a esquerda real e a mocidade revolucionaria espállase por toda a Europa dos mercaderes: primeiro Alemaña, Euskal Herria, Galiza, Córsega, os Països Cataláns, Francia... e agora Chequia.
A Komunistický Svaz Mláceže (Unión de Mocidades Comunistas) de Chequia están a ser ameazadas con ser ilegalizadas polo Ministerio do Interior da República checa se non renuncian antes do 31 de decembro tanto ás súas ideas marxista-leninistas como a intervir dun xeito participativo en política.
Desde hai xa tempo, a mesma burguesía checa que apoiou incondicionalmente a agresión xenocida contra o Iraq, está a levar a cabo unha dura caza anticomunista que consiste en, como mínimo, equiparar ao comunismo co nazismo. Este revisionismo tan cínico estase a utilizar en toda europa desde vello e nós aquí tamén o comezamos a sufrir desde hai moito tempo.
Hai que lles lembrar a estes hipócritas que o fascismo e o nazismo naceron como produto da desesperación da burguesía e das clases medias capitalistas perante o aumento imparábel da toma de conciencia e organización do movemento obreiro europeo. E que foi precisamente o proletariado comunista e antifascista quen se veu obrigado a sacrificar a millóns d@s súas/seus mellores fill@s para rematar co fascismo cando ás/aos demócratas capitalistas se lles foi o seu monstro das mans.
Desde o colapso económico dos países do leste europeo, as burguesías destes estados, moitas delas herdeiras do vello aparato filo-nazista e do fundamentalismo cristián como a dereita romanesa ou o Solidarinosč de Polonia, están a despregar unha razzia revanchista contra toda a esquerda obreira.
Deste xeito é como converxen co occidente continental. Neste recuncho atlántico, nós levamos xa 70 anos sufrindo a súa vinganza. Os xuízos contra sindicalistas, os golpes represivos como o do pasado 14 de novembro, a represión contra obreir@s, mariñeir@s, estudantes, okupas, insubmis@s ao réxime... son só algúns dos exemplos máis recentes.
Desde ADIANTE (Mocidade Revolucionaria Galega) e desde o noso Movemento de Liberación Nacional-Popular solidarizámonos co/as camaradas da KSM checa e chamamos á toda a mocidade revolucionaria nacional e internacional a loitar con ideas, feitos e accións contra a criminalización do movemento obreiro e da mocidade rebelde.
A manifestación contra a represión do 18 de decembro en Compostela será unha boa ocasión para comezar a contraofensiva.
Adiante coa Komunistický Svaz Mláceže (KSM)!
Loitaremos unid@s, venceremos loitando!