lahaine.org
Galiza, Nacionales Galiza :: 24/11/2021

Chema: Paremos os xuízos políticos

chemaabsolucion.gal
Defendamos as liberdades públicas

En 30 de maio de 2017 celebrouse en Santiago de Compostela unha mobilización contra o despexo do CSOA Escárnio e Maldizer. Entre os centos de persoas que asistiron estaba Chema, que participara en diversas actividades no centro social.

A concentración, despois duns minutos e vista a cuantiosa concorrencia, saíu en marcha cara á zona vella de Compostela. Na Praza do Pan a Policía cortou a entrada da rúa do Preguntoiro e cargou de forma desproporcionada contra a multitude de asistentes.

Nese momento un dos axentes bateu coa porra fortemente na cabeza de Chema e este caeu inconsciente no chan; así e todo, a policía decidiu porlle as esposas, cravarlle o xeonllo no peito e cercalo para que ninguén se lle achegase. Posteriormente, os axentes negáronlle o dereito a ser asistido por unha ambulancia que o levase para o hospital e arrastrárono aínda inconsciente para un furgón, que despois o ía deixar na comisaría da Policía española: o compañeiro debería esperar aínda máis unha hora para recibir atención medica.

Así sendo, foron os propios axentes que comezaron uns disturbios que os medios de comunicación se encargarían de empregar para criminalizar a protesta social e a organización política na Galiza. Nun Estado onde a maioría dos cabezallos de opinión relevantes son propiedade do capital financeiro, apostouse por xerar un clima de desinformación e hostilidade contra as mobilizacións. Chegouse a dicir que Chema, na altura un mozo de 19 anos, participara de colectivos antifascistas en cidades coma Valladolid onde nin sequera tiña parado de visita, ou que fora expresamente a Santiago para xerar altercados, cando na verdade estaba a cursar estudos en Ciencia Política na USC.

Como consecuencia disto todo, nos seguintes días foron detidas aínda máis 9 persoas, que hoxe están absoltas por se teren desestimado as inverosímiles acusacións contra elas. Porén, o compañeiro Chema foi alén e atreveuse a denunciar o trato vexatorio que sufriu por parte da Policía española, e por iso é que o Estado decide agora continuar o proceso contra el. Chema enfronta agora peticións penais de até 4 anos e medio de prisión por presumibelmente agredir varios antidisturbios, cando é el que foi vítima da violencia policial e non á inversa.

O Estado, como calquera unha que quixer reparar, sabe que Chema non é culpábel destes cargos, mais tamén non pretende punilo por eles. Sabemos que o albo deste xuízo non é facer xustiza, mais servir de aviso para todas as persoas que nos mobilizamos por causas xustas como a do CSOA Escárnio e Maldizer. Reprimindo Chema pretenden instaurar o medo ao protesto e á organización política e social.

Por iso cómpre deixarlles claro que con isto non van lograr que abandonemos a rúas e que por tras de Chema estamos moitas máis. Contra a represión, damos unha resposta social e política: impulsamos de forma mancomunada dúas mobilizacións para solicitar a total absolución de Chema e facemos un chamamento á sociedade e aos medios de comunicación para que ecoen este caso e o denuncien a todos os niveis.

11 de decembro · 20h Obelisco da Coruña

20 de decembro · 09:30h Xulgados das Fontiñas, Compostela

 

Contactar con La Haine

 

Este sitio web utiliza 'cookies'. Si continúas navegando estás dando tu consentimiento para la aceptación de las mencionadas 'cookies' y la aceptación de nuestra política de 'cookies'.
o

La Haine - Proyecto de desobediencia informativa, acción directa y revolución social

::  [ Acerca de La Haine ]    [ Nota legal ]    Creative Commons License ::

Principal