Novo éxito da folga xeral do sector do Metal, que colapsou todos os accesos á factoria de Citroen
Van xa 17 dias de folga pola negociación do convenio provincial do Metal de Pontevedra, e dúas convocatorias coa do xoves 25 de xuño de folga xeral do sector do Metal, en solidariedade e apoio destes folguistas. E de novo foi un éxito de xornada. Un éxito polos milleiros e milleiros de traballadores que volveron sair ás rúas de Vigo, e polas accións que se levaron adiante, como o colapso de todas as rotondas de acceso a Citroen. Tamén porque esta convocatoria a realizou a CIG en solitario, e demostrou a forza colectiva deste sector, que non se rende, e que nun dia máis con represión policial, volveu dar a cara e non se amedrentou. Para a semana unha nova acción: camiñar o luns até Compostela todos os folguistas.
25.06.09 Folga do Metal 28
De novo, como na anterior convocatoria de folga xeral para o sector, esta xornada de folga comezaba máis cedo do habitual para os piquetes e xa desde as catro da mañá habia presenza de piquetes diante da factoría de Citroen. Desta volta a presenza de antidisturbios era moito maior, e mesmo impediron que os piquetes se puideran achegar ás portas desta fábrica.
Piquetes a primeira hora en Citroen
As ameazas e intimidacións dos antidisturbios comezaban asi desde as catro da mañá neste dia, que mesmo chegaron a reter a un traballador en folga, que finalmente foi liberado despois de ser identificado.
A partir das seis da mañá, e diante da ameaza do papel de CCOO e UGT de esquirois activos nesta convocatoria de folga, acudiron os piquetes aos estaleiros, para tentar garantir o normal desenvolvemento desta folga.
Pequena carga en Metalships
Asi, en Metalships a presenza de piquetes foi importante e numerosa, mais non tivo lugar ningún tipo de incidente salientábel, e ninguén entrou a traballar nos estaleiros desta zona. Pouco antes das oito o piquete desprazouse até a porta do estaleiro Cies, onde tampouco habia presenza de traballadores que quixeran entrar, mais de repente unha dotación de antidisturbios irrumpiu neste espazo dun xeito agresivo, empurrando aos membros do piquete, realizando identificacións e realizando unha pequena carga, onde se dispararon pelotas de gomas e se deron varios porrazos aos folguistas tranquilamente concentrados nesta zona.
Asemblea en Barreras
Despois, desde as nove en adiante, todos os piquetes se foron reunindo ao redor do estaleiro de Barreras, para poder desenvolver unha asemblea no exterior deste centro de traballo, para planificar a xornada.
Esta asemblea tiña lugar ás dez e media, e nela interviría Antolín Alcántara, secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG.
A cuestión da convocatoria en solitario da folga xeral foi a parte central da intervención de Alcántara en primeiro lugar, que sinalou "hoxe danse diferentes circunstancias que non son gratas nin ben recibidas nin agardadas ainda que se dalgunha maneira miramos detidamente en meses anteriores o pronunciamento e a prática de cada sindicato habia evidencias que non se podían ocultar porque son demasiado manifestas. Eu retrocedo un pouquiño e vou cando se xulgou a aqueles catro compañeiros aos que se lles pedía penas de prisión polas mobilización da folga do 2007, e xa naquel momento se produciu a primeira división entre os sindicatos. Non quixemos afondar nesa ferida, gardamos un respectuoso silencio, para que non se miraran as diferenzas senón máis aqueles aspectos que nos unían, para camiñar todos xuntos, a pesar de que entre nós habia todo ese tipo de diferenzas".
Ruptura da unidade sindical
"Cando comezamos a negociación do convenio a CIG tomou a decisión despois de dous meses de negociación de suspender as horas extraordinarias a fin de semana , e despois as horas extras da semana. Parecianos que non se podia afrontar unha negociación con tres meses na mesa, e ao mesmo tempo que o sector continuara a facer horas extras, cando a proposta da patronal estaba a ser o 0%. Estivemos novamente sós, e voltamos gardar ese respectuoso silencio, pola unidade do sector, porque era un activo que nos facia fortes. E até agora, mesmo despois de que na segunda convocatoria tiveramos que volver convocar folga en solitario, mesmo aí voltamos gardar silencio.Tantas e tantas veces ficamos sós, e tantas veces gardamos silencio, pola finalidade de que non se puidera transmitir unha imaxe de división, para que asi os empresarios non tivera a baza de non contar coa unidade sindical", engadía.
O secretario confederal de Negociación Colectiva da CIG insistiu en que "a folga do sector convocada en solitario pola CIG, tivo que xogar contra unha actitude contraria de CCOO e UGT nestas empresas con convenio propio contra esta folga, actuando como piquetes contra a folga, como os principais activos dos esquirois, contra a nosa reclamación de solidariedade".
Asi, "os comités de CCOO e UGT chamaron a non secundar este paro, e podian ser máis pasivos, podian apoiarnos logo de que esteamos xa no decimoséptimo dia de folga, porque nos sobran motivos e porque a loita da clase traballadora non se vive por partes, senón que forma parte dun todo que non se pode romper".
"Quedan demasiadas cousas pendentes"
Sobre a sinatura da proposta dos mediadores, Alcántara subliñou que "a decisión que están tomando vai ter unha responsabilidade histórica e só eles van poder responder, e vós ides ser quen os xulguedes. De todos xeitos, continuamos en folga. O martes parece ser que é o dia no que parece ser que teñen que decidir se aproban ou non aproban esa proposta de convenio. Agardemos que non a aproben porque entón aínda estaremos a tempo de reconducir a unidade sindical, porque a finalidade que perseguimos está por riba de calquera interese, de calquera utilidade e de calquera rendibilidade de calquera central sindical. Polo tanto asi podemos recibilos e recompoñer esa unidade sindical, mais se non é asi e o martes deciden asinar esa proposta tamén vos podemos asegurar que aqui non vai chegar a paz ao sector desa maneira, porque quedarán demasiadas cousas pendentes".
A regulación da contratación naval
Unha destas cuestións pendentes, e reclamación importante para o sector, é a regulación da contratación no naval, "e ten que quedar a contratación regulada definitivamente, dunha soa vez, para que aqui se garanta que os traballadores de toda a vida sexan os que teñan futuros nos estaleiros; os que xa estiveron levantando o sector na reconversión, os que se gañaron o dereito a permanecer e a estar aqui e a defender os seus postos de traballo, que sexan eles e os seus fillos os que estean aqui traballando, porque é o seu dereito, e iso asegúrovos que se vai cumprir".
Antolín Alcántara informaba de que "cando falamos dias atrás cos estaleiros, nas reunións que tivemos con eles porque estaban preocupados, sempre lles dixemos que habia que arranxar a cuestión da contratación e todos os estaleiros estaban dispostos. En tres reunións aceitaron a proposta que lles faciamos sobre este tema, pero parece ser que hai alguén que non está interesado en que iso fique solucionado dunha vez, porque se lle pode atribuir o mérito a un determinado sindicato e entón non queren nin compartir esa gloria, nin que se lle atribúa a unha central sindical, e con ese ánimo boicotearon ese acordo. Polo tanto os estaleiros tamén teñen responsabilidade en estar nesta situación tan complexa e dificil porque puideron solucionar as cousas".
Loitar polo cumprimento íntegro do convenio
Alcántara adiantaba "que asinen o que queira, se é que se deciden a facelo pero tamén lles vai outro recado: imos reclamarlle o segundo suposto en tóxicos, e ímolo facer pensando nos dereitos que nos dá este convenio que tamén o imos conseguir, e farémolo no mes de setembro ou outubro, e agardamos que os traballadores do sector respondades a esa demanda. Se nos paran o convenio imos acelerar o resto de demandas. É o noso dereito".
Tamén "no resto do sector que non é naval o convenio regula produtividade e non se está a pagar, e imos ir a que se regule a propia produtividade dentro das empresas, e se temos que pelexalo, farémolo. Se queren desactivar o convenio, vendéndoo como o están facendo, equivócanse, porque non van ter esa paz. Non van acabar con este sector e imos contestarlle desde a propia lei que nós nos creamos, que é o noso propio convenio, e imos conseguir que se aplique taxativamente tal e como se merece".
Explicou na súa intervención que "quixemos facer aqui asemblea por unha razón, porque non tiñamos seguridade de chegar ao concello. Quixemos concentrarnos aqui porque desde a multitude que somos si temos que comezar a movernos. Ao longo destes dias aínda nos quedan moitas cousas por facer".
"Esta folga continua convocada por nós e UGT, e agardamos que o martes, que é o dia que teñen previsto darlle a beizón a este acordo, pois non o fagan e continúen con nós, porque se o fan entregarán todo o capital e todo o seu prestixio que podian ter. Todo o que queda pendente o imos resolver con eles ou sen eles, e ímolo facer no seu momento, sen desangrar economicamente á xente pero o imos facer", concluiu.
Camiñar até Compostela: Metal en loita
Por último, "propoñemos que o luns camiñar a Compostela. Sairiamos de Vigo en autobuses a Pontevedra, recoller a todos os compañeiros de Pontevedra, do Salnés ou do Morrazo que queiran incorporarse e marchar con eles a pé até Compostela. E queremos ver como estando o sector en Compostela, camiñando todos os quilómetros, meténdolle ganas e vontade, e todo o valor e o atletismo que faga falta, pois queremos ver como eles estando o sector ali, son capaces de asinar o convenio. Nós imos demostrar onde está realmente o corazón deste sector".
Marchas pola cidade
Ao remate desta asemblea, volveron as marchas polo centro de Vigo. Desde Barreras á Praza de América, subindo pola Gran Via até a Praza dos Cabalos. Na Praza dos Cabalosos folguistas puideron ver como se despregaba unha faixa dos traballadores e traballadoras do Hospital Xeral Cies en apoio coa súa loita.
Despois continuaron até a Praza do Concello, baixando pola Avenida de Camelias, e despois a Praza de América e baixar por Travesas até a avenida Alcalde Portanet, de Citroen.
Concentración fronte a Citroen
Chegouse a Citroen pouco despois das doce e media, e cortouse o tránsito nesta avenida principal até as dúas e cuarto. Ao mesmo tempo todas as rotondas de acceso a Citroen estaban a ser bloqueadas polos folguistas, que circulaban dunha a outra. Tamén se cortou a rotonda con parte da concentración que chegara a Citroen do lado das pistas de atletismo de Balaidos e da ponte do Lagares.
Cargas policiais de novo
Aqui os antidisturbios cargaron para dispersar aos traballadores, lanzando de novo indiscriminadamente pelotas de goma e perseguindo a toda velocidade aos traballadores nos seus furgóns, como se foran delincuentes. Procederon de novo a identificar e mesmo reter a verios folguistas, que finalmente soltaron.
Unha muller que camiñaba por esta zona foi alcanzada por unha pelota de goma no muslo e tivo que resgardarse nun portal. Tamén foron alcanzados por estas pelotas varios traballadores.
Finalmente celebrouse unha asemblea final, na zona da Avenida Alcalde Portanet, que non chegou a ser desaloxada, e na que interveu Miguel Malvido, secretario nacional da CIG-Metal.
Asemblea final diante de Citroen
"Hoxe é un dia máis de folga, unha xornada máis de mobilización que saiu moi ben. Aínda que a CIG convocou en solitario a folga xeral do sector do Metal, a folga podemos dicir que foi un éxito e que estivo garantida en máis do 60% das empresas con convenio propio, mesmo naquelas onde os outros sindicatos tiñan maioría absoluta nos seus comités de Empresa", comezou sinalando Malvido.
Éxito total no bloqueo das rotondas
O secretario nacional da CIG-Metal recoñeceu que "sabiamos como xa acontecera noutras ocasións, que onde máis dificuldades tiñamos era precisamente en Citroen, e por iso tamén organizamos de xeito distinto á anterior folga xeral, e polo tanto hoxe non era tan importante bloquear as portas de aqui senón as rotondas de acceso á factoría, e iso foi un éxito total".
Volta á unidade sindical
"É bo tamén que saibades que na asemblea de CCOO gañou o si a continuar coa folga cun 60%. Agardemos que iso do que falabamos na mañá, da marcha a pé a Compostela, pois que CCOO e UGT, veñan tamén con nós nesta viaxe para sacar este convenio adiante. Nós apostamos pola unidade sindical, polo que nos alégramos de volver estar todos no mesmo camiño", explicou Malvido.
Marcha final até Barreras sen incidentes
Malvido concluiu indicando que "como sabedes hoxe tivemos de todo: choveunos a primeira hora da mañá, fai algo de vento, e como dixemos moitas veces "con chuvia e con vento, o metal en movemento"; e tivemos até algunha escaramuza cos antidisturbios. Hai compañeiros nosos que se foron a Barreras, polo que imos ir até ali para que se despexe esta zona e poidan sair eles".
Máis imaxes da xornada
Na galería gráfica da nosa web podedes visualizar máis de setenta imaxes desta xornada. Tamén podedes acceder a través desta ligazón